O departamento de física
e química levou a cabo o día 12 de outubro, dentro das actividades
organizadas pola CGENDL para conmemorar o IV día da ciencia en
galego, unha videoconferencia na biblioteca do I.E.S de Porto do Son.
Esta conferencia foi seguida por aproximadamente uns 100 centros
educativos e uns 5500 alumnos galegos; así no noso centro,
participaron os alumnos de 4º ESO e de 1º de bacharelato de
ciencias (aprox 80 alumnos).
O relator da conferencia
foi o profesor e catedrático de electromagnetismo na facultade de
física da USAC Jorge Mira Pérez, coñecido tamén polas súas
múltiples achegas a divulgación científica e as súas
colaboracións en diferentes programas de prensa, radio e televisión.
Dun xeito ameno, pero non
por iso sen rigor científico, o profesor Jorge Mira fixo unha
descrición das primeiras medidas astronómicas realizadas polos
pensadores gregos. Así, dende a primeira medida da lonxitude
terrestre realizada por Eratóstenes de Cirene (276 a.C) no
ano 240 a. C. con tan só observar e medir a sombra dunha pequena
estaca, ata os cálculos que realizaron Aristarco de Samos (310
a.C) e máis tarde Hiparco de Nicea (190 a.C) e que lles
permitiron calcular a distancia da Terra á Lúa e o tamaño desta.
Finalmente, tódolos
alumnos tiveron a ocasión de participar nun chat co profesor Jorge
Mira onde este respondeu a multitude de dúbidas e curiosidades
que lles foron realizadas polos alumnos dos diferentes centros
participantes na actividade.